(Em galego).- Na tarde deste domingo deixounos en Barcelona o noso prezado Ramón Chao. Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida.
Irmán do teólogo Xosé Chao Rego (1932-2015), Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato.
En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estadía similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba hai anos nunha entrevista, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”.
En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo.
Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día.
Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano.
Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.
En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominado Prisciliano– que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo título O Fillo Pródigo, de próxima publicación. Casado con Felisa Ortega, que o acompañou ata o final, tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos, sempre estarás connosco no Camiño de Prisciliano.